DUVI | A diversidade de comportamentos dentro dunha mesma especie constitúe unha compoñente básica da biodiversidade e a súa perda pode resultar determinante para a súa supervivencia. Este é o punto de partida do proxecto de investigación que o grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) desenvolve en varios continentes con comunidades de libélulas, paxaros e macroinvertebrados. “A perda de comportamentos pode acelerar a probabilidade de extinción dunha especie, porque perde habilidade para adaptarse a modificacións no seu ambiente”, salienta o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, investigador principal, xunto coa profesora da Facultade de Bioloxía María Calviño, dun estudo seleccionado na convocatoria de Proxectos de I+D de Xeración de Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación. Cun financiamento de preto de 200.000 euros, o proxecto ten como obxectivo caracterizar a diversidade funcional e de comportamento entre comunidades cun alto e baixo número de especies, contrapoñendo con ese propósito comunidades insulares e continentais, así como aquelas que residen en bosques nativos fronte ás que viron alterados os seus hábitats por plantacións de especies exóticas.
O grupo EcoEvo estuda as diferenzas de comportamento entre as comunidades insulares e continentais de libélulas e aves
