DUVI | Logo de máis de 20 anos de traballo teórico, que abrangue desde o deseño de novos protocolos, ata a análise da súa seguridade, no campo da criptografía cuántica, o docente e investigador da Universidade de Vigo Marcos Curty, xunto á estudante de doutoramento do seu grupo Margarida Pereira, acaba de publicar en Science Advances o artigo titulado Quantum key distribution with correlated sources no que introduce unha técnica xeral para poder demostrar a seguridade da criptografía cuántica en presenza de calquera tipo de imperfección dos dispositivos que integran o sistema. “Así mesmo, demostramos por primeira vez a seguridade deses sistemas en presenza de correlacións arbitrarias entre os sinais emitidos. Isto permítenos demostrar a seguridade da criptografía cuántica a altas velocidades de transmisión, o que é fundamental para moitas aplicacións. En resumo, conseguimos demostrar a seguridade de sistemas reais e incrementar de xeito significativo as súas prestacións”, explica Curty.