A Universidade achega o seu coñecemento aos institutos

divulgacion_cientifica

DUVI | A crise sanitaria non está a permitir que o alumnado de colexios e institutos poida achegarse aos campus a través das xornadas de portas abertas, as actividades divulgativas ou visitas guiadas. Para tratar de manter esta ponte entre a Universidade e o alumnado pre-universitario, a Vicerreitoría  de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria deseñou un programa de charlas científico-divulgativas co obxectivo de levar o coñecemento que se xera nas escolas e facultades da UVigo a institutos de toda Galicia. Trátase, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini, de ofrecer ao estudantado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional a posibilidade de que “o noso profesorado especializado imparta charlas divulgativas sobre temas da súa investigación que sexan atractivos para o alumnado de secundaria”. En total o catálogo comprende 55 opcións de relatorios de divulgación científica, coas que se busca achegar ao alumnado preuniversitario un amplo abano de temas científico-tecnolóxicos, de humanidades, arte ou de ciencias xurídicas e sociais e da saúde, de modo que o alumnado pode participar no desenvolvemento dunha clase universitaria cun contido docente adaptado ao seu nivel educativo.