DUVI | Co gallo da celebración cada 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense alíanse para organizar diferentes actividades. Entre elas está o Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Este xoves déronse a coñecer as e os gañadores desta iniciativa, á que nesta quinta edición se presentaron case 200 traballos. Outra das accións destes centros, a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino, tivo que anularse este ano pola pandemia polo que a súa organización apostou por dotar de contidos divulgativos a súa web, entre eles un vídeo feito pola Cátedra Aldaba Wib: Women, ICT & Business, da empresa Aldaba e as universidades de Vigo e A Coruña, de promoción das vocacións científicas en enxeñaría informática desde unha perspectiva de xénero.