Unha tese descobre que é posible cuestionar a heteronorma desde o escenario teatral

Eugenia Baamonde

DUVI | Co título da súa tese de doutoramento, Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea, Eugenia Baamonde propón un xogo de palabras que avanza o matiz irónico, combativo e humorístico que está presente en todo o traballo. O obxectivo do seu proxecto, dirixido por Xosé Manuel Buxán, docente e decano da Facultade de Belas Artes da UVigo, é analizar a representación das sexualidades que cuestionan a “heteronorma” e os xéneros binarios na dramaturxia contemporánea española. Partindo da súa práctica artística, a dramaturga expón as principais ferramentas estéticas e ideolóxicas que se empregan neste eido, concluíndo que existen “teatros que importan”, que se moven arredor dos corpos des-xenerados e provocan lecturas afastadas do normativo.