A CRUE reta o alumnado de doutoramento a resumir unha tese en 20 tuits

Cartel_HiloTesis

DUVI |  O reto lánzao a CRUE e a creatividade deberán poñela os estudantes de doutoramento da Universidade de Vigo. A idea é que as e os alumnos que están a realizar a súa tese de doutoramento ou ben acaben de presentala, sexan quen de resumir o seu contido nun fío de Twitter. Ese é o obxectivo do concurso #HiloTesis, sintetizar o máis relevante da súa investigación en 20 tuits para dar a coñecer á sociedade o que fan, como o fan e por que.

Esta iniciativa parte da Red de Divulgación y Cultura Científica (RedDivulga) da Sectorial de I+D+i de CRUE e busca promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica de futuros doutores. En total están implicadas 45 universidades de todo o Estado e cada unha delas desenvolverá unha fase local do concurso entre o 1 e o 23 de abril. As tres primeiras persoas clasificadas participarán fase nacional, que terá lugar do 21 ao 28 de maio.