Convocatoria interna | Noite Europea das Persoas Investigadoras

Convocatoria para a participación na Noite Europea das Persoas Investigadoras de 2021. Accións 24 de setembro.

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) publica esta convocatoria para a participación do persoal investigador nas actividades relacionadas coa European Researchers’ Night (101035979-G-NIGHT).

A Noite Europea das Persoas Investigadoras é unha acción de comunicación social da ciencia promovido pola Comisión Europea dende 2005 dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte 2020. Celébrase de maneira simultánea en cidades de toda Europa e neste ano será o 24 de setembro.

A Universidade de Vigo lidera a iniciativa en Galicia, co seguinte consorcio:

  • Universidade de Vigo
  • Universidade de A Coruña
  • Universidade de Santiago de Compostela
  • Centro Oceanográfico de Vigo (antes IEO, agora parte do CSIC)
  • Instituto de Investigacións Mariñas e Delegación do CSIC en Galicia a través da súa Unidade de Cultura Científica
  • CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia
  • Gradiant, Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia
  • INIBIC, Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña
  • SEBBM, Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular

As cidades galegas nas que se celebrarán actividades serán Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Tamén se celebrarán actividades e modalidade virtual.

  1. Convocatoria

A presente convocatoria propón a participación de persoal investigador e técnico da Universidade de Vigo nas actividades do 24 de setembro, data da European Researchers’ Night.

Estas accións terán múltiples formatos, que se detallarán a continuación. Os contidos poden ser de calquera ámbito de coñecemento e deben encaixar nalgunha das seguintes categorías:

  1. Que significa investigar
    • A figura da persoa investigadora (perfís das persoas investigadoras, muller e ciencia, gustos persoais, por que se escolleu a carreira investigadora… testemuñas e compartir gustos e afeccións… humanizar e achegar)
    • O día a día: que fago no laboratorio/nas saídas de campo e como é a miña rutina
  2. De grandes ideas a feitos
    • Investigación e innovación, como se fai a ciencia, como chega á industria e exemplos
    • Como a ciencia impacta nas nosas vidas
  3. Investigando e innovando cara un mundo máis verde / Investigando e innovando para o presente e para o futuro
    • Coñecendo Galicia: medio natural, ameazas e riscos, cambio climático e loita contra o mesmo, impacto na saúde do entorno (experiencias, coñecemento e presentación de proxectos)
    • Innovación en todos os campos cara un mesmo obxectivo: uso eficiente dos recursos, economía limpa e circular; transportes públicos e privados máis limpos…
    • Que solucións estamos aplicando xa e nos ofrece a ciencia e/ou tecnoloxía
    • O papel da cidadanía: que di a ciencia que podemos facer nós (actividades de concienciación, información ao respecto, a nosa pegada de carbono, consumo responsable etc.)
  4. Europa e a ciencia
  • Programas e colaboración entre países. Exemplos, investigadores Marie Curie, etc.
  • Presentación de proxectos e investigación con fondos europeos

De entre as propostas recibidas farase unha selección pola Vicerreitoría de Investigación e a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais a través da UCC+i.

  1. Presentación de propostas e prazos

As propostas sobre as actividades recollidas na táboa (consultar convocatoria completa) serán enviadas a través deste formulario:

Ir ao formulario

 

A data límite de presentación de propostas é o vindeiro 16 de xuño de 2021 ás 23.59h. AMPLIACIÓN DO PRAZO: luns 21 de xuño ás 23.59h.

Por favor, consulta a convocatoria completa antes de cubrir o formulario.