Convócase o VI Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Cartaz do certame

DUVI | Xa está en marcha unha nova edición, a sexta, do Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense. A iniciativa organízase co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e é froito do traballo conxunto da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que cada ano unen forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar e visibilizar a presenza da muller na I+D+i.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. A iniciativa, á que na última edición se presentaron case 200 traballos, únese a outras levadas a cabo por un amplo colectivo de base dos centros organizadores que está comprometido co reto de contrarrestar o déficit de referentes femininos nos eidos da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía e co fomento das vocacións científicas entre as novas xeracións desde unha perspectiva de xénero. Froito deste compromiso están, ademais deste concurso, as exposicións itinerantes Exxperimenta en feminino e As mulleres que nos levaron á lúa e a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino.