Unha tese amosa os beneficios dos baños con auga mineromedicinal para as persoas con fibromialxia

María Reyes Pérez e Natalia Calvo

DUVI | O impacto da fibromialxia na saúde das persoas que a padecen redúcese significativamente tras a aplicación dunha intervención de 14 baños con auga mineromedicinal e dita mellora mantense de forma significativa ata oito meses. Esta é unha das conclusión recollidas na tese de doutoramento da investigadora Natalia Calvo, egresada en Enfermaría pola UVigo.

A tese, dirixida pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría María Reyes Pérez, foi presentada este curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense co título Educación para a saúde e augas mineromedicinais en pacientes diagnosticados de fibromialxia. O seu obxectivo principal foi avaliar a eficacia dunha intervención con auga mineromedicinal (concretamente da piscina termal das Burgas, na cidade de Ourense) en pacientes diagnosticados de fibromialxia, buscando coñecer se produce unha redución clinicamente relevante en parámetros de afectación ao finalizar a intervención e en meses posteriores. Para acadalo, comenta a xa doutora pola Universidade de Vigo, “deseñamos e realizamos o primeiro ensaio clínico cruzado aleatorizado nacional e internacional para medir o uso terapéutico de baños simples con auga mineromedicinal en pacientes con fibromialxia”. Con el, engade, quixeron “dar recoñecemento e dar valor a este tipo de terapia complementaria, que ata agora, no noso medio, non foi suficientemente considerada polos profesionais da saúde”.