DUVI | Coa presentación pública este mediodía en Berlín da achega do Grupo de Traballo II no Sexto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), rematan cinco anos de traballo de preto de 300 investigadores e investigadoras de arredor de 70 países. A docente e coordinadora do grupo de investigacion Future Oceans Lab da UVigo, Elena Ojea, forma parte do 41% de científicas de todo o mundo que participaron na elaboración de Cambio Climático 2022: Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade, a máis recente avaliación do IPCC, no que o principal órgano internacional para a avaliación do cambio climático, brinda aos gobernos información científica para que poidan desenvolver políticas climáticas.