Neste novo vídeo da serie “Que facemos?” coñecemos o traballo do Grupo de Oceanografía Biolóxica (GOB), que forma parte do Centro de Investigación Mariña (CIM). O grupo centra a súa investigación ao redor de tres liñas de estudo: a diversidade, o metabolismo e o papel bioxeoquímico de comunidades microbianas planctónicas; as respostas fisiolóxicas e ecolóxicas do plancto aos factores ambientais incluido o cambio global; e o acoplamento entre procesos hidrodinámicos e a composición e actividade do plancto microbiano mariño.
O GOB é un dos grupos de investigación da Universidade de Vigo que participou na expo-feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller”, unha acción que forma parte do plan anual de actividades da UCC+i “Ciencia de ida e volta” e que contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología e a colaboración do Concello de Vigo.
Descobre máis sobre a súa investigación da man de Marco Jabalera Cabrerizo.