DUVI | Despois de que a covid-19 impedise levala a cabo os últimos dous anos, a Escola de Enxeñaría Forestal volverá a ser a sede, o venres 27 e o sábado 28, da Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, que busca “estimular a participación cidadá en procesos científicos e visualizar a ciencia entre os nenos e nenas e o público en xeral”, como salientan desde a organización. Despois de que o alumnado de dez centros de primaria e de nove de secundaria, así como doce familias, desenvolvesen nos últimos meses 36 proxectos e experimentos científicos, as e os escolares presentarán nestas dúas xornadas os resultados do seu traballo diante dun comité científico integrado por investigadores dos diferentes centros do campus, que decidirá cales serán merecedores dos premios nas tres categorías da feira, Ciencia no cole, Xoves investigadores e Ciencia en familia.