DUVI | O seu valor simbólico, a súa corporeidade e a súa capacidade de adaptación a múltiples contextos fixeron do pelo un elemento empregado de forma recorrente ao longo da historia da arte. Na súa tese de doutoramento, Nuria Bouzas revisou a simboloxía asociada ao cabelo na creación artística e noutras manifestacións culturais de diferentes épocas, para logo pór o foco no seu uso na arte contemporánea. A partir dunha “revisión analítica e comparativa” de preto de 250 obras, Bouzas puido constatar a existencia de “determinadas tradicións relacionadas co uso do pelo na construción de estereotipos” ligados á representación feminina, presentes tanto en obras clásicas coma contemporáneas. Ao longo da historia, explica, o cabelo foi empregado na arte para “reforzar” ideas como “o estereotipo da muller fatal”, de cabelo longo, alborotado e de tonalidades vermellas. Non obstante, a pesar de que “moitos deses conceptos e simboloxías asociadas ao pelo permanecen na imaxinación colectiva”, a “carga simbólica” deste elemento fai tamén que sexa empregado na arte contemporánea, sinala, “para xerar discursos que aborden a igualdade de xénero”.