DUVI | A análise de como a investigación e innovación poden contribuír á “creación de novas visións do mundo”, incorporando ás súas prácticas “valores como o coidado, a anticipación ou a inclusión” centran o labor investigador de Poonam Pandey, segundo explica esta doutora en Ciencias Políticas pola Jawaharlal Nehru University de Nova Delhi que, como beneficiaria dunha axuda María Zambrano, incorporábase nas últimas semanas ao Post-Growth Innovation Lab do campus pontevedrés. Dirixidas á atracción de talento internacional, trátase dunha “das bolsas máis prestixiosas para candidatos posdoutorais en España”, como salienta Pandey, que viu nesta convocatoria a oportunidade de traballar co grupo impulsado polo investigador Mario Pansera en Pontevedra ao abeiro do proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era), financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC).