Unha cátedra europea permitirá pór o foco nos efectos da dixitalización na UE

DUVI | Os efectos da dixitalización tanto sobre os servizos públicos como sobre a propia soberanía das institucións comunitarias constitúen o eixo central da Cátedra Jean Monnet que a Comisión Europea concedeu ao profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela. Baixo o título de European Institutions and Citizens: Adapting the EU to the digitalisation challenges (EICAUED), esta cátedra posibilitará o desenvolvemento ao longo dos próximos tres anos tanto de traballos de investigación sobre as implicacións da dixitalización na actuación e políticas da UE, como a organización de actividades formativas e divulgativas.