A idade, un factor de vulnerabilidade nas relacións laborais

DUVI | Cumprida unha certa idade, e dados os estereotipos negativos asociados a ela, a ou o traballador “maduro”, explica a xurista Ana María Martín, “enfróntase á modulación ou degradación de certas condicións laborais” que incluso poden conducir á perda do emprego. Xa no paro, engade, “a idade eríxese no obstáculo, en non poucas ocasións insalvable, para a súa reinserción, o que deriva en desemprego de longa duración a unha idade tardía, xerando vulnerabilidade económica e, en ocasións, pobreza”. Este impacto individual deriva no plano colectivo “nun gran reto social e económico: as elevadas taxas de paro en determinadas cohortes de idade, sinaladamente maiores de 55 anos, e o impacto negativo no sistema de Seguridade Social, fortemente lastrado pola expulsión prematura destas persoas da vida laboral activa”. Tendo en conta esta situación, na súa tese de doutoramento, esta investigadora analizou a idade como un factor de vulnerabilidade nas relacións laborais.