DUVI | Buscar estratexias capaces de reactivar e pór en valor o turismo sostible en diferentes rexións europeas, entre elas Galicia. Este é o obxectivo co que esta semana se está a celebrar na cidade italiana de Palermo o proxecto internacional Ecotours, liderado desde Italia e no que a Universidade de Vigo é única representante española. Participan sete socios procedentes de Italia, Grecia, Francia, Chipre, Hungría e España, entidades de moi distintos perfís que ao longo dos tres vindeiros anos traballarán de maneira conxunta na consecución dun obxectivo común: “crear un valor adicional ao turista que se achegue a estas rexións, neste caso ás nosas terras galegas, ofrecéndolles ás empresas do sector turístico formación en turismo circular, mentorización para innovar e creación de itinerarios de turismo circular”, explica a profesora da Facultade de Comercio Pilar Muñoz, coordinadora xeral do proxecto na UVigo, quen adianta que desde Ecotours se planificarán unha gran variedade de actividades que terán as pequenas empresas turísticas como grandes protagonistas.