En Portomarín técense os libros e báilanse as gaitas

DUVI Dende que se puxo en marcha no mes de outubro, o proxecto Portomariñeando: tecer libros e bailar gaitas tense convertido nun eixe central da vida cultural e lúdica deste concello lugués desenvolvendo actividades que conxugan danza e literatura. Esta iniciativa, financiada con fondos Next Generation, forma parte do programa de axudas Territorio Cultura da Xunta de Galicia, que teñen como obxectivo incrementar a oferta e o tecido cultural máis aló dos grandes núcleos urbanos a través de iniciativas que se leven a cabo en concellos pequenos e cunha densidade de poboación menor a 100 habitantes por km2.