A bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras

Tomando mostras de ovos de bocarte_Foto do proxecto Remedios

DUVI | Un novo estudo, publicado hoxe xoves pola revista Nature Geoscience, demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia deste artigo radica en que ata agora, a comunidade científica tiña demostrado que eran os ventos e as mareas os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. Así, os resultados desta investigación, que tamén se recollen nunha pílula divulgativa dispoñible en inglés e en galego, constitúen a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente. É o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas.