A divulgación da reprodución do peixe espiñento e das bacterias fanse co concurso de Youtubers científicos

DUVI | Na súa terceira edición, o concurso de vídeos Youtubers científicos premiou dous traballos de divulgación nos que as persoas usuarias da canle poden achegarse de xeito ameno e sinxelo ao comportamento reprodutivo do peixe espiñento e á relación entre as bacterias, a fotosíntese e o mar. A iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, enmarcada no plan anual Ciencia de ida e volta, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, recoñeceu o traballo de Wendy Fernández, investigadora do Grupo de Ecoloxía Animal, Comportamento reprodutivo do peixe espiñento, co premio do público e Bacterias de Alberto Gutiérrez co galardón do xurado. Ambos os dous gañadores recollían nas últimas horas os seus galardóns, cadanseu kit de produtos de iniciación para vlogging, valorado en arredor de 400 euros, de mans da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.