DUVI | A illa de Zanzibar acolle esta semana a xuntanza de lanzamento do proxecto CBHE Ahumain, Applied human machine intelligence in east Africa, unha iniciativa de cooperación educativa que ten como obxectivo impulsar a intelixencia artificial e a ciencia de datos no leste de África creando un plan de estudos que permita formar as enxeñeiras e enxeñeiros do futuro. A Universidade de Vigo é un das 31 participantes nesta iniciativa, que reúne tanto universidades como empresas de España, Bélxica, Chipre, Tanzania, Uganda e Kenia.
Con tres anos de duración e coordinado pola Artesis Plantjin Hogeschool de Amberes, a representación da UVigo neste proxecto corre a cargo da directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, e os profesores Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, todos eles investigadores do Departamento de Enxeñaría Telemática e do centro atlanTTic.