A G-Night levará as conciencias creativas a rúas, museos, parques e bares

Presentación programa G-Night

DUVI | A ciencia e coñecemento sairán dos laboratorios e as aulas o vindeiro venres, 24 de setembro, para trasladaranse a rúas, museos, parques e bares para celebrar a Noite galega das persoas investigadoras, a G-Night. Esta iniciativa encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación científica.

Este xoves as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, e de Investigación, Belén Rubio, foron as encargadas de presentar a programación deste evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que, no caso de Galicia, está coordinado pola Universidade de Vigo. O obxectivo é, como explicaba Rubio, “achegar a figura da persoa investigadora e a investigación e os seus beneficios á sociedade en xeral, prestando especial atención ás vocacións científicas”. Nesta edición, a décima, e baixo o lema Conciencias creativas, “o leitmotiv será a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade”. As actividades desenvolveranse nas sete cidades galegas e en contextos informais, levando a ciencias “ás rúas, prazas, museos, praias e bares nun ambiente festivo” en formatos diversos como charlas, conferencias, obradoiros manipulativos, rutas científicas, teatro, música, experiencias, experimentos etc. e pensadas para todo tipo de públicos: infantil, xuvenil, familiar, público adulto… independentemente da súa formación e coñecementos.