A humidade oceánica é cada vez máis importante nas precipitacións que hai nos continentes

gráfica humidade oceánica

DUVI | No marco dun contexto de cambio climático, a humidade oceánica é cada vez máis importante nas precipitacións continentais, especialmente nas rexións tropicais. Esta é unha das principais conclusións dun traballo realizado por Luis Gimeno, Raquel Nieto e Rogert Sorí, investigadores do grupo Ephyslab CIM-UVigo (Environmental Physics Laboratory). O estudo foi publicado recentemente en Climate and Atmospheric Science, revista on-line e de acceso aberto publicada polo grupo Nature en colaboración co Center of Excellence for Climate Change Research.

Sobre a relevancia da temática abordada neste artigo, os investigadores do Campus de Ourense-Campus da Auga, explican como a precipitación que cae nos continentes “define o alcance e a natureza dos ecosistemas terrestres e a actividade humana neles”. Esta precipitación, lembran, é subministrada pola humidade que provén directamente do océano ou posteriormente dos propios continentes e tanto os procesos que controlan a evaporación como os principais mecanismos de transporte de humidade difiren claramente entre o océano e o continente. Tendo en conta estas consideracións, engaden, “no contexto dun clima cambiante, pódese agardar que a relación entre a precipitación de orixe oceánica e terrestre varíe global e rexionalmente así como a influencia destes dous compoñentes básicos da precipitación total nas tendencias de precipitación global e rexional, especialmente nas zonas tropicais”.