DUVI | As investigadoras e docentes da Universidade de Vigo, Ángeles Sanromán Braga e Isabel Pastoriza Santos, recibiron estes xoves 6 de outubro, co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galicia, as Medallas de Investigación 2022, Isidro Parga Pondal e Antonio Casares, respectivamente, da Real Academia Galega de Ciencias. No acto celebrado no Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela, a RAGC homenaxeou este ano a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), impulsor da veterinaria en Galicia e España, como Científico Galego do ano 2022. Xunto a Sanromán e Pastoriza a relación de galardoados coas Medallas de Investigación da RAGC 2022 completárona os científicos da USC, Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, que recibiron as medallas Ángeles Alvariño da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais e a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, respectivamente.