DUVI | Catro pensadores do máximo prestixio a nivel mundial participarán a vindeira semana en Vigo na segunda edición do Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo, unha iniciativa posta en marcha pola Universidade de Vigo no 2019 e que, tras o parón pola pandemia, retoma o impulso co mesmo obxectivo co que naceu “abordar temas candentes na reflexión teórica internacional”. Nesta ocasión a cita será o 29 e 30 de xuño no edificio Redeiras, aberto ao público en xeral, e levará por título Pensar o Antropoceno, un termo que remite á perspectiva científica contemporánea segundo a cal a época xeolóxica actual estaría distintivamente marcada, por primeira vez na historia do planeta, pola pegada humana.