DUVI | As tecnoloxías de detección intelixentes convertéronse en parte da vida diaria e cada vez é máis habitual o emprego de sensores para mellorar o día a día das persoas en múltiples ámbitos, desde lograr unha asistencia sanitaria moito máis personalizada ata conseguir incrementar a seguridade de condutores e peóns nas estradas. Conscientes desta realidade acaba de pórse en marcha NextPerceptión, un consorcio no que participan os principais actores europeos da saúde, o benestar e a automoción, entre eles a Universidade de Vigo, que, avalada por toda a súa experiencia nos sistemas de comunicación 5G, será a encargada de deseñar novas arquitecturas e tecnoloxías de comunicación e de distribución do cómputo no marco destas novas redes de comunicación.