A UVigo publica en acceso aberto por riba da media das universidades españolas e da media europea

DUVI | Ano tras ano, as universidades de todo o mundo incrementan a porcentaxe de artigos científicos publicados en aberto, sumándose así a unha corrente que aposta polo acceso libre e sen barreiras económicas aos resultados da actividade investigadora. Para a Universidade de Vigo o acceso aberto tense convertido nunha prioridade, como se recolle no seu Plan Estratéxico e se traduce en cifras: unha evolución que vai do 27% de artigos en acceso aberto publicados en 2013 ao 69% do 2022, en liña coa porcentaxe do sistema universitario galego e por riba da media española, que se sitúa no 64%.