As innovacións tecnolóxicas para o adestramento centran un proxecto de innovación educativa

DUVI | Dentro das competencias que deben adquirir na súa formación, o alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte atópase a capacidade de planificar e controlar a realización de programas de exercicio físico, así como de avaliar a condición física dos participantes e de prescribir exercicio físico orientado á saúde. Nestas tarefas, o uso das novas tecnoloxías pode converterse nun valioso aliado no seu futuro como profesionais. Partindo desta idea, un proxecto de innovación docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte achega ao alumnado desta titulación ao traballo con aplicacións informáticas como a plataforma de xestión do adestramento Harbiz e ao funcionamento de novos dispositivos para o adestramento de forza, así como ás súas aplicacións na prevención e recuperación de lesións.