DUVI | Investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Aveiro e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) realizaron un estudo sobre o transporte e acumulación de micropolásticos emitidos a través das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) na ría de Vigo. Empregando un modelo de simulación de partículas, comprobaron como a distribución dos microplásticos depende en gran medida da etapa de marea no momento da súa saída das depuradoras.
O traballo foi publicado recentemente na revista Marine Pollution Bulletin nun artigo titulado Modelling the distribution of microplastics released by wastewater treatment plants in Ria de Vigo (NW Iberian Peninsula). Está asinado por Maite de Castro, Marisela Des, José Luis Gómez Gesteira e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM-Universidade de Vigo); Magda Sousa, Américo Ribeiro e Joao Dias, da Universidade de Aveiro (Portugal), e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO).