As resinas de polietileno, PVC e poliamida “virxes” son menos tóxicas que as biodegradables

Larva con microplásticos

DUVI | Os plásticos son  polímeros sintéticos de enorme utilidade en todos os campos das actividades humanas e a súa produción global supera na actualidade os 300 millóns de toneladas ao ano, das que unha boa parte ten como destino final os ecosistemas acuáticos. Conscientes desta realidade, desde a Universidade de Vigo mantéñense abertas diferentes liñas de investigación coas que se busca contribuír a minorar o impacto ecolóxico destes materiais e minimizar os seus potenciais efectos nocivos para o ambiente e a saúde. Un destes traballos é ARPA-ACUA, Alternativas ambientalmente respectuosas para polímeros e os seus aditivos químicos en medio acuático, un traballo coordinado pola Universidade de Vigo e que permitiu establecer unha intensa colaboración entre a industria do plástico, representada polo seu principal centro tecnolóxico español, AIMPLAS, e a universidade galega, neste caso, a través do grupo da Universidade da Coruña QANAP, líder a nivel internacional en química ambiental, e de Ecotox, equipo de investigación en  Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña do Centro de Investigación Mariña da UVigo.

Foron tres anos de investigación, financiada con algo máis de 400.000 euros por parte do Ministerio de Economía e Competitividade, e as conclusións non deixan lugar a dúbidas: as resinas (polímero sen aditivos) de polietileno de baixa densidade (LDPE), PVC e poliamida “virxes” carecen de toxicidade, tanto acabadas de producir como tras avellentamento ambiental, mentres que as do polímero biodegradable poli- hidroxi-butirato (PHB) mostran certa toxicidade, polo que, desde un punto de vista ecotoxicolóxico, a recomendación científica é ser cauto no referente á substitución de polímeros convencionais por biodegradables.