DUVI | Preto de tres décadas leva o investigador, músico e artesán Pablo Carpintero percorrendo o noroeste peninsular na procura de gaitas de fol antigas. Ao longo destes 30 anos, puido documentar máis de 380 instrumentos que, en moitos dos casos, semellaban moi antigos, aínda que carecía de información que lle permitise verificar a súa antigüidade, máis aló do que lle trasladaban os seus propietarios que en ningún dos casos, explica, databan a orixe dos seus instrumentos “máis atrás de principios do século XIX”. Partindo do feito de que o roce dos dedos ao tocar provoca un desgaste na madeira, que será proporcional ao tempo de uso, Carpintero comezou a traballar nun xeito de avaliar a antigüidade dunha gaita medindo os desgastes nos punteiros. O resultado deste proceso, que se insire na tese de doutoramento que leva a cabo baixo a dirección dos profesores Susana Reboreda e Iván Area, é un método matemático que lle permitiu coñecer a existencia en Galicia e Portugal de gaitas que permanecían en uso desde a Idade Media. Algún destes instrumentos centenarios soarán de novo este venres 22, na actividade que Carpintero protagonizará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e na que presentará algúns dos achados da súa investigación.
Científicos da UVigo achan gaitas que permaneceron en uso dende a Idade Media en Galicia e Portugal
