Circular Seas consegue transformar os residuos plásticos oceánicos en produtos verdes para a industria marítima

DUVI | O proxecto europeo Circular Seas, financiado con preto de dous millóns de euros de fondos FEDER, botou a andar a comezos de 2020 coa idea de desenvolver toda unha serie de tecnoloxías que permitisen converter os residuos plásticos oceánicos e da contorna marítima portuaria en compoñentes ecoinnovadores para a propia industria marítima. Hoxe isto é xa unha realidade. O sistema está listo  e quedará dispoñible en repositorios abertos a partir de xaneiro.  Para conseguilo os socios do proxecto, incluída a Universidade de Vigo, desenvolveron unha contorna integrada de impresión 3D na que se lle dá ao usuario final –entidades, empresas ou calquera persoa interesada- a posibilidade de empregar infinidade de opcións –distintos plásticos, aditivos, mesturas…- de xeito sinxelo, de maneira que non é preciso nin ser especialista en materiais nin en impresión 3D para poder crear material reciclado e imprimir novas pezas.