DUVI | A súa bisavoa Adelaida, comenta a alumna de Educación Primaria Évora Parcero, aprendeu a ler aos 34 anos, estando no cárcere durante o franquismo, e nunca puido coller un libro cando era pequena. Para esa cativa que non puido ler e para todas as rapazas e rapaces, a estudante publica agora en Internet un portafolio audiovisual de recomendacións de lectura titulado Contos para unha nena que non sabía ler.
A iniciativa, explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, xurdiu no marco da materia de Literatura Infantil que a profesora imparte en cuarto curso do Grao de Educación Primaria. “O que lle pedía aos alumnos e alumnas era que me fixeran portafolios de lecturas recomendadas. Podían elixir o tipo de documento que quixeran facer e Évora fixo este audiovisual no que fai unha viaxe emocional recordando á súa bisavoa, que non chegou a coñecer pero que marcou a súa vida polo que oía falar dela”, comenta Mociño. A docente destaca que se trata “dun traballo precioso, cunha carga emocional enorme e cunha forma de presentar os libros fantástica”. Non é, advirte, un audiovisual profesional, pois non era ese o obxectivo, pero pola súa posta en escena, pola naturalidade coa que fala a estudante e polas obras “moi ben escollidas” que recomenda a profesora indica que é moi acaído para ver e divulgar a lectura infantil en galego.