Desenvolven unha aplicación para previr incendios mediante o control da biomasa que rodea as estradas

Imaxe da presentación este venres dos resultados do proxecto a través do Campus Remoto da UVigo

DUVI | Os incendios de 2017 como os de Chandebrito e Pedrógão Grande puxeron o foco de atención na importancia que ten para a prevención dos lumes o estado da masa forestal que hai arredor de vías de comunicación e poboacións. Ao ano seguinte, en 2018, catro empresas, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo e un centro de investigación puxeron en marcha o proxecto Topacio: Tecnoloxías de Optimización da Xestión de Infraestruturas para a Prevención de Incendios Forestais. Froito desta iniciativa, presentouse este venres unha aplicación que procesa numerosa información sobre as franxas de vexetación na contorna de estradas e sobre meteoroloxía e proporciona índices de risco de incendios e propostas de actuación.