Do corte de dixestión a baleirar de auga os pulmóns dun afogado, un estudo reúne e rebate os principais “mitos” asociados aos incidentes acuáticos

DUVI | As persoas piden axuda e moven os brazos antes de afogar; é preciso agardar dúas horas para bañarse despois de comer; tras un afogamento hai que colocar á vítima boca abaixo para baleirar os seus pulmóns de auga; a urina é un bo remedio fronte á picadura dunha medusa… No referido aos incidentes que poidan darse en praias, ríos ou piscinas existen unha serie “mitos e falsas crenzas”, asentadas no ideario popular e que poden dar lugar a decisións e intervencións erróneas.