Especialistas europeos analizarán o impacto da intelixencia artificial na propiedade intelectual e industrial e no eido laboral

DUVI | O avance de intelixencia artificial, o seu potencial de crecemento e o previsible impacto que vai ter en diferentes eidos da sociedade está a xerar un crecente debate público sobre a necesidade de regular, controlar e mesmo frear o seu desenvolvemento. Entre os eidos nos que se prevén efectos substanciais están a contorna laboral e tamén a propiedade industrial e intelectual. Para debater e analizar as posibles consecuencias deste “imparable avance”, Vigo acollerá os días 6 e 7 de xullo o Congreso Internacional O impacto da intelixencia artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.