Expertos internacionais en nanomateriais reuniranse no campus para buscar novas liñas de investigación “alén das fronteiras do coñecemento”

No The Thinking Institute, organizado polo catedrático e investigador do Cinbio Luis Liz-Marzán

DUVI | O regreso do catedrático de Química Física Luis Liz-Marzán á Universidade de Vigo para poñer en marcha un novo grupo de investigación no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, comeza a deixar pegada na institución olívica. Da súa man, e en colaboración co Cinbio, os vindeiros días 4 e 5 de xullo celebrarase a primeira edición do The Thinking Institute, unha iniciativa que nace co obxectivo de converterse nunha cita anual para especialistas de todo o mundo na que discutir a ciencia cunha mente aberta, de modo que poidan xurdir novas liñas de investigación dunha contorna multidisciplinar.