DUVI | Obradoiros, feiras divulgativas, charlas, concursos, premios… os campus de Vigo e Ourense encheranse a vindeira semana de múltiples actividades para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro. Dende o xoves e ata o sábado tanto os centros de investigación, como as escolas e facultades e outras localizacións no centro de ambas cidades acollerán diferentes propostas para escolares e para o público en xeral. O obxectivo de todas estas iniciativas é darlle visibilidade ao traballo das mulleres científicas, así como achegar ás novas xeracións de mozos e mozas referentes femininos no campo da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
O amplo programa de actividades está principalmente impulsado polas propias docentes e investigadoras da UVigo, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade da UVigo.