Fisioterapeutas do grupo HealthyFit estudan os efectos do exercicio de alta intensidade no deterioro cognitivo de persoas con párkinson

DUVI | Diferentes investigacións teñen constatado as melloras que o exercicio físico pode xerar na sintomatoloxía que padecen as persoas con párkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa máis común, despois do alzheimer. Non obstante, poucas investigacións abordaron ata a data os efectos que podería ter nestes pacientes un programa de exercicio de alta intensidade como o que centra o estudo que nestes meses desenvolven as investigadoras do grupo HealthyFit Iris Machado, Irimia Mollinedo e Karina Pitombeira. Mediante o uso dun “cicloergómetro intelixente” MotoMed, que permite levar a cabo dun xeito seguro sesións de exercicio cunha “cadencia máis alta do que normalmente poderían manexar” estes pacientes, as investigadoras da Facultade de Fisioterapia buscan coñecer os efectos sobre a sintomatoloxía, o deterioro cognitivo e a condición física dun programa de “exercicio forzado” en combinación con actividades de “estimulación cognitiva”, explican.