Fronte á obsolescencia programada, un proxecto explora como facer sostible o dereito a reparar

DUVI | As implicacións ambientais e os prexuízos para o consumidor que supón que os electrodomésticos ou os dispositivos electrónicos sexan deseñados para que ter unha curta vida útil motivaron nos últimos anos medidas como a normativa europea que obriga ás empresas a garantir a reparación dos seus produtos por un prazo de dez anos. Medidas como esta insírense na loita contra a obsolescencia programada e no impulso do chamado “dereito a reparar”, un concepto ao que se asocian visións diversas ou mesmo enfrontadas e que é entendido desde como unha oportunidade para democratizar o acceso á tecnoloxía ata como unha nova fonte de ingresos para as empresas fabricantes. Analizar os imaxinarios que rodean este concepto constitúe o propósito central do proxecto que o investigador do Post-Growth Innovation Lab Javier Lloveras desenvolve como beneficiario dunha axuda Marie Sklodowska-Curie, do programa Horizonte Europa.