DUVI | As administracións públicas, os xestores do territorio e os colectivos ecoloxistas levan décadas buscando as mellores estratexias de loita contra a planta invasora Carpobrotus edulis (unlla de gato), unha especie que xa ten invadido un alto número de ecosistemas costeiros de toda a península ibérica. Ata o de agora non se ten atopado un xeito eficiente de eliminación, polo que a comunidade investigadora segue a desenvolver estudos na procura dunha solución. O Laboratorio de Ecofisioloxía Vexetal da UVigo leva anos traballando neste eido con diversos proxectos sobre o control desta praga, e un deles acaba de ser publicado pola revista Journal of Environmental Management. Asinado polos investigadores da UVigo Noa Núñez-González e Luís González e por Jonatan Rodríguez, actualmente no Institute of Botany of the Czech Academy of Sciences, o artigo céntrase en avaliar a efectividade do control mecánico e da utilización dun inimigo natural especialista, neste caso un insecto herbívoro. O seu estudo conclúe que a combinación de ambos sistemas ou incluso só a inoculación directa do insecto Pulvinariella mesembryanthemi “podería axudar ás estratexias de manexo e xestión desta planta invasora por parte de institucións encargadas de programar actividades de control e erradicación”.