DUVI | “Queremos que as empresas coñezan de primeira man as melloras que poden lograr empregando as redes privadas 5G e que posibilidades lles abren estas novas tecnoloxías”. Así explica Felipe Gil, investigador de atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo e profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o obxectivo principal do proxecto posto en marcha desde o Laboratorio 5G da UVigo sobre os beneficios para a industria destas redes privadas, un traballo no que contan coa estreita colaboración da empresa Cradlepoint, filial de Ericsson e líder mundial en solucións de redes sen fíos LTE e 5G entregadas na nube.