Investigadores de Cintecx participan no experimento internacional máis ambicioso para o estudo dos neutrinos

DUVI | Medir as diferencias entre a oscilación de neutrinos, partículas cuxa masa é cando menos un millón de veces inferior á do electrón, e antineutrinos, as súas réplicas de antimateria, para contribuír ao avance do coñecemento do universo. Este é o obxectivo do experimento DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment, polas súas siglas en inglés), o proxecto internacional máis ambicioso e avanzado ata a data para o estudo dos neutrinos. Con miles de científicos de ducias de países implicados, a Universidade de Vigo sumarase agora a este experimento a través dun equipo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx).