Investigadores de doce países desenvolven métodos específicos para cuantificar a resiliencia dos bosques europeos ante o cambio climático

Juan Picos coordina a participación da UVigo neste proxecto europeo

DUVI | 20 institucións e organismos de doce países europeos, entre os que se atopa a Universidade de Vigo, toman parte en Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), un proxecto seleccionado na convocatoria Horizonte 2020 que ten como obxectivo definir unha serie de estratexias de resposta que permitan mellorar a resistencia e capacidade de adaptación dos bosques europeos ante os efectos do cambio climático. Representantes das diferentes entidades socias participan desde este domingo na República Checa na primeira reunión de traballo dun proxecto coordinado polo Instituto Forestal Europeo (EFI). Cun financiamento de preto de cinco millóns de euros, un dos propósitos de Resonate é “desenvolver métodos específicos para cuantificar a resiliencia, non só das masas arbóreas, senón da cadea de valor forestal, o que é algo realmente innovador a nivel europeo”, como salienta o director da EE Forestal, Juan Picos, coordinador da participación da UVigo nun proxecto do que forman parte tanto investigadores e investigadoras desta escola como do grupo Rede, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.