DUVI | A cor negra do seu corpo e o seu voo, rápido e poucos centímetros por riba da vexetación, fan que sexa difícil atopar e distinguir, no medio da selva amazónica, á Philogenia gaiae, a especie de libélula que o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal e responsable do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación), Adolfo Cordero, descubriu nas selvas amazónicas xunto con investigadores da Universidade de São Carlos brasileira e da Universidad San Francisco de Quito ecuatoriana. As características desta especie, á que deron o nome de gaiae en homenaxe á filla de Adolfo Cordero, Gaia, son descritas nun artigo publicado na revista científica Zootaxa. Neste, tamén describen por primeira vez á femia da Philogenia macuma, outra das especies deste xénero endémico do Amazonas, da que só se coñecían os machos ata a data.
Xunto a Cordero, asinan este estudo os investigadores Diogo Silva Vilela e Rhainer Guillermo Ferreira, do Laboratorio de Estudos Ecolóxicos en Etoloxía e Evolución da Universidade de São Carlos, e a investigadora Andrea C. Escalada, do Instituto Biosfera da Universidad San Francisco de Quito. Os traballos de campo que deron lugar a este descubrimento foron realizados no ano 2012 na estación de biodiversidade Tiputini, no Ecuador, a carón do parque nacional Jasuni, “un dos espazos máis importantes no mundo no referido á conservación da biodiversidade” e no que os autores e a autora deste estudo prevén que podería estar tamén presente esta especie.