Investigadores do CIM, Atlanttic e Cintecx participarán no festival de divulgación científica Pint of Science

DUVI | Un ano máis o persoal investigador da Universidade de Vigo volve unirse á celebración do Pint of Science, o festival de divulgación científica que aposta por levar a ciencia e o coñecemento aos bares para achegalo á cidadanía. Ao longo de tres días, entre o 22 e o 24 deste mes, seis científicos e científicas da UVigo ofrecerán relatorios e obradoiros no bar Cañaveral arredor de temáticas diversas que comprenden dende a intelixencia artificial á fotosíntese pasando polas ondas electromagnéticas ou a supervivencia do salmón.