Investigadores do CIM-UVigo arrancan unha nova campaña na Antártida, un dos mellores laboratorios naturais do mundo

DUVI | A bordo do buque polar búlgaro Sv Sv Kiril i Metodii RSV, os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, membros do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, chegaron a pasada fin de semana á Base Gabriel de Castilla, en Illa Decepción. Eles, xunto co científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco, traballarán ao longo do próximo mes no proxecto Radiant no marco da XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra. A viaxe de máis de 14.000 km ata o continente xeado comezou o pasado domingo 7, para voar dende Vigo a Madrid e alí coller un voo de 13 hora a Santiago de Chile onde, tras unas horas de espera, embarcaron nun terceiro avión a Punta Arenas. Alí, e tras realizar as probas de covid-19, subiron a un avión fretado polo comité polar de Corea do Sur (KOPRI) con destino á base chilena Frei, na illa Rey Jorge, onde agardaba o buque búlgaro que levou os científicos españois ás base Gabriel de Castilla, a onde chegaron a última hora do pasado venres 12.