DUVI | Despois de sete edicións, o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM-UVigo Mariano Lastra Valdor refírese, desde Punta Arenas (Chile) e a tres días de chegar a Isla Decepción, ás campañas antárticas como “unha oportunidade de ouro para todos, que sempre compensa desde o punto de vista científico”. Xunto ao tamén catedrático e ao profesor titular do mesmo departamento, Jesús Souza Troncoso e Jesús López Pérez, respectivamente, ambos investigadores do Centro de Investigación Mariña, e ao doutor pola UVigo e investigador posdoutoral na Universidad de Cádiz, Iván Franco Rodil, Mariano Lastra integra a expedición da UVigo, que entre o 17 de febreiro e o 17 de marzo, desenvolverá unha nova campaña científica na Antártida, ao abeiro do proxecto de investigación Radiant, financiado con 50.000 euros polo plan nacional de I+D.