DUVI | Investigadores e investigadoras das tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC), liderados por Sebastián Villasante (CRETUS-USC) e coa colaboración das confrarías de Cambados, Redondela e a Lonxa de Campelo, analizan, nun estudo que acaba de ser publicado en Frontiers of Marine Science, os impactos do cambio climático sobre a vulnerabilidade socioeconómica do marisqueo nas rías galegas, e as posibles adaptacións a eles, desde unha perspectiva social. O artigo, Resilience and social adaptations to climate change impact in small-scale fisheries, parte dos resultados do proxecto Marisco, coordinado pola docente e investigadora do CIM UVigo Elsa Vázquez da Universidade de Vigo, e financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.