Máis de 1300 estudantes de Pontevedra e Ourense descobren a partir de mañá a Noite Galega das persoas investigadoras

Noite Galega das Persoas Investigadoras

DUVI | De xeito presencial ou virtual. En sesións de mañá ou de tarde. En grupos de pouco máis dunha decena ou que superan os 60 participantes. Desde mañá e ata o 22 de xuño máis de 1300 estudantes de 17 centros de Primaria, Secundaria FP e Bacharelato das provincias de Pontevedra e Ourense participarán nas preto de 60 actividades, programadas para darlles a coñecer a Noite Galega das persoas investigadoras, que se celebrará, coordinada pola UVigo e coa colaboración dunha decena de institucións galegas, o vindeiro 24 de setembro. 18 investigadoras e investigadores responsables e outros cinco colaboradores, dos tres campus da UVigo, serán os encargos de desenvolver as preto de 20 actividades que achegarán ao alumnado ao mundo da ciencia dun xeito lúdico e sinxelo, ato tempo que se lles descobre a celebración da G-Night. “Estes pre-eventos vannos permitir chegar a un público obxectivo claro, que é o alumnado dos centros, porque se trata de espertar vocacións científicas e máis aló de todo o que se mova ese día, a UVigo e todas as institucións implicadas, queremos chegar a ese público para que participen e coñezan que se vai celebrar en setembro a Noite das persoas investigadoras”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama.